Más abajo están las bases completas.
BASES DO XXI CONCURSO DE HUMOR GRÁFICO “CURUXA DO HUMOR 2017”, CONVOCADO POLO MUSEO DO HUMOR (CONCELLO DE FENE)
1. CATEGORÍAS E PARTICIPACIÓN
. Na categoría CURUXA, calquera persoa maior de 25 anos residente no Estado español.
. Na categoría CURUXA-NOVA, calquera persoa de até 25 anos residente no Estado español. As persoas menores de 25 anos poderán participar na categoría xeral, CURUXA, extremo que implica a renuncia á categoría CURUXA-NOVA.
. Aos efectos de cómputo de idade, tomarase a idade do/a participante na data na que se publique a convocatoria no BOP.
. Os/as participantes poderán presentar un só debuxo.
2. TEMÁTICA
. As obras presentadas serán de temática libre. Humor gráfico nas súas modalidades mudo, texto ilustrado ou viñeta.
3. CARACTERÍSTICAS DOS DEBUXOS A CONCURSO
. As obras presentadas a concurso deberán ser de creación propia e inédita.
. Presentaranse en formato papel, mesmo no caso de traballos realizados dixitalmente (impresión de alta calidade).
. A dimensión máxima do debuxo será de 29,7×42 cms (A3).
. Non se admitirán fotocopias nin gravados.
4. LINGUA
. Os traballos deberán estar redactados en galego.
. Tamén se admitirán traballos redactados en calquera das linguas oficiais do Estado (castelán, catalán, euskera) aínda que, neste caso, o/a autor/a deberá achegar xunto coa documentación requirida nas Bases, a tradución ao galego do texto do debuxo.
. Admítense traballos de humor mudo.
5. PRAZO DE PRESENTACIÓN
. Desde a data de publicación das bases na web municipal até as 23:59 h do día 30 de maio de 2017.
6. ENDEREZO DE PRESENTACIÓN E/OU ENVÍO DOS ORIXINAIS
A presentación de orixinais a concurso efectuarase no Rexistro Xeneral do Concello de Fene ou por calquera outra forma establecida no artigo 16.4 da Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común)
A efectos de envío por correo postal, o enderezo será o seguinte:
Rexistro Xeral do Concello de Fene
R/ Alcalde Ramón Souto González, s/n,
15500 Fene
A Coruña
7. IDENTIFICACIÓN
. Os debuxos a concurso non poderán estar asinados (o feito de viren asinados será motivo de exclusión). Ademais, levarán no reverso e a lapis, o nº de DNI do autor/a e o lema ou seudónimo co que se presenta ao concurso.
.Os traballos presentaranse/enviaranse en paquete ou sobre, sen remite, e facendo constar no exterior “Para o concurso do humor gráfico Curuxa do Humor 2017”, amais da categoría na que concursa: CURUXA ou CURUXA NOVA
. As obras presentaranse baixo o sistema de plica, polo que se acompañarán dun sobre independente, pechado, e en cuxo exterior conste:
– A categoría na que concursa: CURUXA ou CURUXA NOVA
– TÍTULO da obra
– LEMA ou SEUDÓNIMO da persoa que sexa a súa autora
. No interior da plica incluirase a ficha de inscrición cuberta (ANEXO 1), unha declaración responsable expresa de que a obra é da súa autoría, inédita e orixinal (ANEXO 2) e unha copia do DNI.
. No caso dos concursantes menores de 18 anos, tamén deberán achegar copia do DNI do pai/nai ou titor/a legal así como a súa autorización asinada para participar no concurso (ANEXO 3).
8. EXPOSICIÓN FÍSICA E/OU VIRTUAL DOS TRABALLOS
. A presentación de traballos a concurso implica a autorización expresa ao Museo do Humor do Concello de Fene a utilizar estas imaxes a efectos simplemente expositivos, no propio Museo e/ou noutras instalacións do termo municipal así como na páxina web municipal.
. O Museo do Humor do Concello de Fene resérvase a facultade de seleccionar aqueles traballos a expoñer. A exposición das obras non reportará dereitos económicos para os autores das ilustracións.
9. PREMIOS
. Categoría CURUXA (maiores de 25 anos)
1º Premio, dotado con 2.000 euros e diploma
2º Premio, dotado con 1.500 euros e diploma
. Categoría CURUXA-NOVA (menores de 25 anos)
1º Premio, dotado con 1.000 euros e diploma
2º Premio, dotado con 500 euros e diploma
. Os importes dos premios estarán suxeitos aos impostos e retencións legais que lle sexan de aplicación.
. A financiación de ditos premios farase con cargo á aplicación orzamentaria 334/48000 (orzamento prorrogado do Concello de Fene).
. Os premiados deberán acreditar estar ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade social, mediante declaración responsable á que se refire o artigo 24.4 do Real Decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións, ao non superar a contía o importe de tres mil euros. Ademais, terán que achegar declaración responsable acreditando non estar incursos en ningunha das causas que determina o artigo 13.2 da Lei 38/2003 Xeral de Subvencións.
. Tamén deberán achegar un certificado de titularidade da conta bancaria na que o Concello de Fene fará efectivo o pagamento de cada un dos premios regulados nestas Bases.
. Os/as premiados comprométense a recoller o premio na gala que a estes efectos programe o Museo do Humor de Fene no último trimestre de 2017.
10. COMPOSICIÓN DO XURADO
. O xurado do premio, nomeado polo Concello de Fene, estará presidido polo alcalde de Fene. Formarán parte do xurado o/a concelleiro/a de Cultura, a coordenadora do Museo do Humor E tres especialistas en humor gráfico ou humoristas gráficos nomeados pola Alcaldía. A composición do Xurado farase pública na páxina web fenecidan.gal antes do fallo do Premio. Actuará como secretaria, a secretaria xeral do Concello de Fene ou o/a traballador/a municipal en quen delegue.
Cada un dos humoristas gráficos ou expertos nomeados polo Concello percibirán, en concepto de honorarios polo seu labor como membros do xurado, as cantidades que a tal efecto se acorden. Estes honorarios estarán suxeitos aos impostos e retencións legais que lles sexan de aplicación.
11. FUNCIONAMENTO DO XURADO
. O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia da maioría simple dos seus membros. Aos efectos da validez da súa constitución, será de aplicación o disposto na Lei 39/2015.
.O xurado poderá declarar desertos todos ou calquera dos premios de non existiren, ao seu xuízo, obras coa suficiente calidade.
. O fallo do xurado terá lugar no prazo de 2 meses trala data límite de presentación dos traballos e darase a coñecer a través da páxina web www.fene.gal e dos diferentes medios de comunicación.
12. DEREITOS E PROPIEDADE DOS DEBUXOS
. Os traballos premiados quedarán en propiedade do Concello de Fene, pasando a formar parte da súa colección no Museo do Humor.
. Os/as autores ceden todos os seus dereitos ao Concello de Fene para a publicación, exposición e divulgación por calquera medio dos traballos premiados, citando sempre a súa autoría, premio acadado e ano en que obtivo este galardón.
. Para os traballos non premiados, o Museo do Humor comprométese á súa devolución sempre que no envío así se solicite expresamente. Exclúense desta posibilidade aqueles traballos que non se axusten a estas Bases.
. A devolución de orixinais hase efectuar a partir do mes de xaneiro de 2018
. Aqueles traballos presentados a concurso e para os que non se solicite a devolución pasarán a formar parte da colección do Museo do Humor do Concello de Fene.
13. ACEPTACIÓN DAS BASES
. A presentación das obras supón a aceptación destas bases por parte dos/as autores e autoras.
14.NORMATIVA APLICABLE
. En todo o non previsto nestas bases estarase ao disposto na Lei 38/2003 de 17 de novembro, , no RD 887/2006, polo que se aproba o regulamento xeral de subvencións e polo resto de lexislación que lle resulte aplicable.
. A presente convocatoria efectúase de conformidade coa Ordenanza Xeral de Subvencións do Concello de Fene, aprobada polo Pleno en sesión de 30 de marzo de 2007 e publicada no BOP nº 135 de 15 de xuño.

